Welcome to feijoés

– Jelou mai friends! (presentador moi animado)

– Non jelou que está jelando!  (respóndese el mesmo, para ir marcando a pauta)

– Ha ha ha! Non hai coma empezar o curso con bo humor. Imos logo coa nosa primeira entrega de Welcome to feijoés, no estilo ‘fool inmersion’ -eskiusme, quixen dicir, ‘full inmersion’-, que tan bos resultados ten acreditados.

– Podo facer unha pregunta? (rapaz do grupo)

– Non, aquí as preguntas fágoas eu. Un respecto. A ver, ti, loiriña, se eu che pregunto: Vaiselles baixar o soldo os funcionarios no vindeiro 2013, ti que respondes?

– Non o sei exactamente, pero por min que llo baixen ben, que son uns privilexiados, que se todo fose privado iamos moito mellor, que a ver porque raio esa xente ten traballo asegurado cando hai preto de 6 millóns de parados e …

– Non mulleriña, non, así non se responde, sintácticamente é correcto, si, e en feijoés importa moito máis a concordancia de xénero e número ca concordancia do dito co feito,  pero o feijoés é unha lingua protocolaria e non se poden empregar argumentos así de espidos, o subtexto debe quedar sempre embaixo, como di o seu nome. A ver ti logo, a das trenzas que levanta a man, que dirías ti?

– Que si, que se lles vai baixar arredor dun 7%, según os orzamentos previstos para ese ano. Que sabemos que os funcionarios levan feitos moitos esforzos, mesmo que se lles ten prometido que non habería baixadas de soldo no 2013, pero vémonos na obriga -xesto de dor contida, ai- de pedirlles ese esforzo máis …

– Non! Non! Non! Mal!  Pero non vos estou dicindo que non se poden dicir as cousas ás claras … túzaros que sodes! A ver ti, que tes cara de … non sei, entre espelido e monaguillo, estraña combination, by de way…

– Pois os funcionarios han cobrar máis no 2013 que no 2012, porque ímoslle devolver parte da paga que se lles quitou co cal verán incrementados …

– Así, así! Vedes? En feijoés nunca se responde de xeito direto á unha pregunta, e menos aínda a unha que lle faga quedar mal a un, dáselle unha volta, vaise un polos outeiros de Úbeda ou lugar al-andalusí que apeteza, pero nunca se acepta esa pregunta que, malia o seu aspecto de pedir unha información clara, o que busca é desprestixiar ao interrogado. Ai, moito tedes que aprender… e ides pagar por aprendelo.  Xa o dicía Freud, é coma a psicanálise, a factura é parte da terapia.