Lugares de osíxeno.

Paraísos ou infernos só accesíbeis para quen porta unha cantidade mínima de osíxeno en sangue. Recantos neuronais que piden un contrasinal cifrado en O2. O mundo dos soños ábrese para a non-fumadora, para a ex-fumadora de dous paquetes diarios que ve así recompensados os momentos de melancolía que ten que sufrir. Acusa xa un serio desgaste na sólida vontade inicial e fanse máis frecuentes os momentos baixos nos que dubida se non se terá volto parva, a que ven iso de non fumar, só un pito muller, que estamos en festas con toda a familia, beberon até os abstemios… Eses intres de proba e soidade, de tristeza ex-cigarreira, con demandas que empezan a roer na súa firme decisión até deixala escuálida, magra, reducida a un Non, non! irracional e sen argumentación, vense inesperada e amplamente compensados por nocturnos agasallos nos que é invitada ao parque de atraccións do subconsciente, aberto agora ─logo de tanto tanto tempo─ para ela.

Ábrense galerías clausuradas hai moito, e unha pode entrar e saír delas lembrándoo todo, iso é o inaudito, a consciencia entra a esgalla neses lugares que xa eran como inexistentes, inúndaos pese o seu volume inconmensurábel e arrastra na riada obxectos e restos que, avistados na vixilia, permiten recuperar a secuencia completa do soño. Non hai fumes que desorienten aos recordos, que agachen a ruta a seguir para volver aos lugares visitados no soño. Como guiada por moléculas de O2, faragullas de osíxeno que unha deixou na súa viaxe de ida, podo regresar á casiña de chocolate, ao soño soñado. Aínda que fose un pesadelo. Que feliz me fixo recordar o pesadelo! Tamén axudou a lembralo, supoño, o me quedar inmóbil nada máis acordar. Ía volver la cabeza, pero me detiven nada máis iniciar o movemento, os músculos do pescozo paráronse atentos á chamada. Lembrei a praza de Galicia. A choiva torrencial e súbita, a luz inexplicábel que asomaba trala cortina de auga, os meus pasos acelerados polo chuvasco para cruzar a rúa, un grupo de mozos, grandes, a berrar, a meterse comigo, eu nin caso, non me deteño, a sola da sandalia descravada deixada atrás, un policía enorme xa se avista, espero que pasen os coches para recoller a sola coas súas largas puntas bordeándoa, os mozos gritan, Non se atreverá, a moi imbécil! xa o berraban antes, agora non pasa ninguén, vouna recoller, os mozos achéganse ameazando, con bates e paus. O policía, de complexión de debuxo animado, imponse e a cuadrilla, incribelmente refréanse mentres eu me afasto apresurada, pero aínda que os deixo atrás, na praza, contidos momentaneamente polo poli, a persecución xa comezou, e continúa na Escola de Belas Artes/Instituto Feminino de Lugo, por corredores e aulas e vestiarios, entre grande número de extras. Xorde coma unha flor do recordo a imaxe do bater no que estou pechada mentres os bestas baten na porta cos seus bates, gábanse de antemán e bérranme o que me van facer, a desesperación faime caber por un ventano imposíbel e saio ao xardín/solar cheo de matogueira, arrástrome baixo cubertas de material plástico trenzado e brillante que levantan do chan o mesmo que unha viña, entón decátome de que hai algo onírico alí, todo ese plástico prendido a estacas de madeira é unha transformación surreal dunha viña, que sería o máis lóxico atopar alí, eles me seguen a buscar por riba e embaixo da cuberta, pero detectar un elemento de soño, talvez, permite que a persecución dea un xiro, atopo a amiga Alicia, acougo un pouco, volvemos entrar no edificio e falamos cos perseguidores, que xa abandonaron as súas sádicas intencións. Alicia coñéceos e eu, nun momento aparte, lle digo se non sabe que clase de tipos son, sábeo perfectamente, dime, pero hainos que levar mentres se poida, amósome pouco conforme e o soño dilúese.

Son feliz.

(publicado en Letraenobras)

Publicacións creadas 123

Artigos relacionados

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio
www.000webhost.com