Archivo de la categoría: actualidade

Actualidade

Marcha Jennifer

Marcha Jennifer. A Perth, Australia. Esta mesma tarde. Arestora estará no avión camiño á primeira escala da longa viaxe. Foi unha decisión doada, pois logo dun ano de traballar na empresa X viu que -contra todo o prometido e asinado- as condicións non ían mellorar. X é unha empresa cunha ducia de empregadxs na que, sen traballar de cara ao público, o xefe esixe unha vestimenta axeitada ao seu criterio sexista. Na que se ficha para entrar, pero non para saír, e na que se sae tres, catro, n horas máis tarde do horario acordado e retribuído. Sempre, decote. Ao principio porque hai que aprender, afacerse ao posto, malia non ser unha novata. Logo porque hai que adestrar aos novos, e novos sempre hai, a rotación na empresa é moi alta. Normal. Quen pode lisca axiña dun sitio onde as xornadas reais rebordan as doce horas e onde, aínda por riba, non lle recoñecen as iniciativas e as aportacións. Non é que as desboten, non, xa se llas apropia o xefe. O ex-xefe, vaia. Que feliz Jennifer de poder chamalo así.

E Jennifer era mileurista. Xa tiña que estar mal a cousa para que unha mileurista abandone un posto de traballo, verdade? Que soberbia! Non tal. Jennifer, das moitas solicitudes que enviou, tivo en reposta unha oferta que non puido rexeitar. Aos seus 26 anos, graduada, con case tres de experiencia laboral, catro idiomas, talento e consciencia da súa valía, prefire marchar un ano ás antípodas que aturar un mes máis cun deses empresarios modélicos inspiradores da reforma laboral, que abusa dos empregados na confianza de que hai moreas de xente esperando un oco nesa ou noutra empresa similar.

Así que, claro, Jennifer marcha. Boa estadía, ben a mereces!

Había una vez un barquito chiquitito

barcobotella pqO barco de Alfageme na rotonda.

Faise pequeno, iso é obvio, pero ten amaño. Metémolo nunha botella e xa está. Amais de maior volume conseguimos, paradoxalmente, un aspecto de popular peza ornamental de salón.

Estanse a estudar as cuestións técnicas desa superficie envolvente, aínda sen decidir entre o plástico e o cristal. Por cartos non vai ser, iso está claro. O cristal é a opción preferida pola maioría da comisión, pois é un material de autenticidade acorde coa peza instalada, malia presentar algún problemiña polo peso e fraxilidade do mesmo. Nada que un cursiño acelerado con Calatrava non solvente. Outros, medorentos, optan polo pragmático e defenden o emprego do plástico, máis indicado pola súa resistencia e lixeireza.

O que non ofrece dúbida é que así amola moito máis, que parece o importante.

Á espera da resolución, xa hai suspicaces a dicir que se quere cubrir o barco para protexelo da choiva de lixo que lle vai caer enriba en canto mingüe a vixilancia. Cómpre lembrar que se reforzou a instalación de cámaras de vídeo na rúa.

Graças pola imagem á XXL, engarrafador de barcos en tempo livre.